viernes, 7 de febrero de 2014

Apuntes sobre a toponimia do concello do Vicedo

A toponimia do concello do Vicedo é un reflexo da rica macro e micro historia das poboacións que aquí se asentaron e medraron.

Xa que logo, atopamos desde innúmeros topónimos de orixe prerromana, entre os que temos o río Sor e o mesmo RíoBarba, ou o de Morgallón. De aí pasamos aos de orixe castrexa como Castrobó, e seguimos cos ecos de antigas uillae, como Mosende, Xilloi ou Creximil, nomes de tradición xermánica. Xermánicos tamén os Suevos que deron nome á freguesía de Suegos. 
Aínda aparece algún eco musulmán, como As Alpuxarras, ligado á famosa rebelión de Granada.

A páxina achega, pois, este percorrido, en orde alfabética, que pretendemos sexa usado como material de consulta para aqueles que tivesen interese polo que hai agochado tras dos nomes dos lugares.

Nota 1: A microtoponimia (ou sexa, os non referentes a entidades de poboación) está definida noutra páxina.
Nota 2: non reproducimos a lista exhaustiva, excluímos aqueles con significado transparente.

________________________________________________

ABEZÁN (Riobarba)
De *(uilla) Auezani, forma en xenitivo de Auezanus, o nome do antigo propietario da uilla altomedieval  ("explotación agrícola", "casal").


O ABELAEDO (San Román)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para As Negradas (1752), ao referir os límites da freguesía :
      .. "sitio que llaman das veigas de abelaido"...

O topónimo alude a un terreo no que abundan as abeleiras.  Remítenos, xa que logo, á vexetación existente cando se fundou este lugar.

AS ALPUXARRAS (As Negradas)
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "Juan deouteiros dealpujarras" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 104).

Alén da coñecida "Alpujarra" de Granada, hai outro As Alpuxarras en Lourenzá (Lu.) e mais outro en Tomiño (Po.). Non esquezamos tampouco as "Alpuxarradas", certame de humor que acontece cada antroido en Viveiro (Lugo).

No caso das tres Alpuxarras galegas, é probábel que remitan ao topónimo granadino, e que fosen "transplantadas" para Galiza. Non sería un feito estraño un topónimo "importado", tal como aconteceu no séc XX con Triscornia (O Vicedo), ou Pénjamo (Viveiro). 

No caso concreto das Alpuxarras, esta referencia a un lugar peninsular, en particular na época da chamada "Reconquista", dase con outros múltiplos topónimos galegos como Malagón (Viveiro), A Peníscola (Ortigueira), Leganitos (Muras), Segovia no Corgo ou O Toledo en Castrelo de Miño.
A motivación para o nome Alpuxarras puido ser a partir dos episodios das revoltas dos mouriscos nas Alpujarras de Granada (1568-1571), revolta que acabou coa derrota dos mouriscos, que foron deportados para o resto do Reino de Castela. Talvez fose atribuído xocosamente  este nome das Negradas como indicativo de lugar de revolta, descontrol.  De feito, a celebración das "Alpuxarradas" de Viveiro, durante o Antroido, parecen referir a esta idea de "revolta", "descontrol".
Sería un caso análogo ao acontecido cos topónimos Gurugú, con 17 ocorrencias en Galiza, que remite a un monte de Marrocos, aludindo a unha batalla que tivo lugar nos comezos do séc. XX. A raíz deste  episodio,  o  topónimo  pasou a nome  común, tomando gurugú un significado de ‘liorta’, ‘pelexa importante’. 

Outra motivación alternativa sería que aluda a retornados despois de loitar na rebelión das Alpujarras.

Por outro lado, tradicionalmente vénse asociando a orixe de "Alpuxarra" coa raíz prerromana  *alp- "altura, encosta, monte", cun sufijo *–rr- (vocalizado en –arra) de carácter mediterráneo indoeuropeo.

A AMEIXOADA (O Vicedo)
O termo "ameixoada" tería a súa orixe no latín ad-mansionata
*admansionare 'levar para a casa, acoller na casa', á súa vez derivado de mansio - mansionem 'lugar de descanso'.
Canto ao significado, sería algo como "lugar ou curral onde se recolle o gado".
En efecto, no galego actual, "ameixoar" significa 'xuntar, reunir' e tamén tén a acepción específica de "recoller o gado", particularmente 'recoller as ovellas' e tamén 'recoller as galiñas no poleiro' (ver DdD).
Por outro lado, tampouco podemos descartar a orixe no baixo latín (d)amascenata, lugar onde abonda a árbore chamada "ameixeira" (< latín damascenaria). En efecto, Gonzalo Navaza, no seu estudo sobre fitotoponimia , non descarta ningunha das dúas interpretacións (cf. G. Navaza, 2006 "Fitotoponimia Galega").

O topónimo "Ameixoada" é relativamente frecuente na xeografía galega, tanto coa "A Ameixoada" como "Ameixoadas", e tamén con aférese do 'a', "Meixoada", "Meixoadas".

Por outro lado, aínda que se podería pensar nunha relación con meixón 'cría da anguía', crémolo improbable. Esta mesma opinión de rexeitar esta relación con "meixón" é expresada por Navaza (cf. "Fitotoponimia galega") ou por Sestay (cf. "Toponimia do val do Fragoso - Coia). 

A AMOÁ (Cabanas)
Derivada da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar" (cf. p. 212 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

Alternativamente, Pérez Capelo interprétao como derivado da voz latina mŏla ‘pedra do muíño’, indicando a posibilidade de que os topónimos "Moa", "Moá", "Amoá(s)" fosen creados por unha metáfora antropomorfa, nomeando na súa orixe «penedos ou montes con forma de moa dental» (cf. C. Pérez, 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá"). Sen dúbida, o sufixo -ŏla si desenvolveu esa terminación -oá noutros casos na zona como ocorre con "A cruz de Airoá" (cf. aquí).

Hai tamén un As Amoás nas Sumoas (Xove). Precisamente ao estar nas Sumoas (tamén derivado de sub-mŏlas ) semella encaixar esta interpretación perfectamente. Hai tamén un As Moás en Cordido (Foz), que semella reforzar esta hipótese.
Ademais do topónimo de Xove, tamén estaría relacionado co'A Amoeira, existente nas Negradas.

A AMOEIRA (As Negradas)
Posiblemente derivada da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar" (cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A ASPRA (As Negradas)
No 1762 aparece atestado este lugar como "sitio da Aspera" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 81). 

O termo "áspera" ou "aspra" refire a "terreo de bouza, ou terreo escarpado". Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca" (cf. pp. 306 de A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).
Segundo Rivas Quintas, chámaselle áspera, asperela ou asperosa a un “sitio pendente”.  (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). Esta acepción estaría en correspondencia coa  rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cf. aquí).
Aínda que neste caso non haxa rexistros antigos deste topónimo, si os hai do mesmo noutras áreas, e non soamente galegas. Así, por exemplo, se rexistra no ano 887 o lugar da "Aspra", preto de Oviedo (cf. Torrente Fernández, "Términos agrarios en el Medievo asturiano (siglos xiii-xvi)", in "Asturiensia Medievalia, 5". 1989: pp. 78-79).

Os BARCÓS (Cabanas)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Mañón son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.

Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixó -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia. Cf. p. 167 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

O BROZO (Riobarba -lugar da Costa, Cabanas)
O termo "brozo" é de orixe céltica, segundo Corominas de *vroicos, e máis tarde *broccius. O significado é de "uz", "breixo". No léxico da zona aínda se conserva o termo "brozada" (e daí "desbrozar"). Cf. Corominas, DCECH.
Está atestado no Catastro de Ensenada para Riobarba (1753), ao establecer os límites da freguesía:
.. "al rio da Calvela y al arroio do Brozo y de este ba a la fuente do Falcon" ...

CABANAS (Cabanas)
Topónimo transparente. O uso de "Cabanas", no plural, parece remitir a un pequeno núcleo rural, inicialmente baseado nun agrupamento de chozas ou de vivendas de uso temporal. Cabanna / cabana na súa acepción de 'casa rústica elemental' xa se atopa ben atestado na documentación medieval.

CABO DE VILA (San Román)
Este topónimo transparente alude á parte da poboación, lugar ou grupo de casas, situado no "estremo da vila", a parte oposta á entrada principal 
(cf. p. 48 de X. Marqués, 2018."A toponimia de Trabada").
É un topónimo frecuente e, xunto con outros como CIMA DE VILA e FONDO DE VILA, definen o posicionamento do lugar fronte ao centro da vila.

O CACHEIRO (O Vicedo, As Negradas)
Este topónimo admite varias interpretacións válidas.
O máis probábel semella que remita ao alcume dun antigo posesor do lugar. En efecto, tanto na acepción de "bastón" como na de "que se agacha" puido doadamente ter esta motivación. Incluso tamén na de oficio, pois cacheiro figura en dicionarios galegos co sentido de ‘oleiro, o que fai cachos ou utensilios de barro’.

Por outro lado, dada a situación dos dous topónimos do concello, en terreos nos vales, encaixa tamén a acepción que é usada ainda actualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".

Outra acepción sería de "cachar" (roza, cultivo por primeira vez): a de "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo". Porén, no contexto dos dous casos, ao non estaren próximos a monte, a acepción de Dodro parece máis razonable.

Di Sarmiento: "Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin".
En Portugal recóllese este mesmo significado (cf. aquí, s.v. "cachar").

O CAMPO (Cabanas, 
Riobarba)
Aínda que o significado semella transparente, 
“superficie extensa de terra máis ou menos plana, onde non hai vivendas e que en xeral se pode dedicar ao cultivo” e “terreo que non se dedica ao cultivo, no que nace herba” (RAG).
Con todo, orixinariamente, o nome "campo" (do latín campu) aludía a un “terreo extenso fóra do poboado” (cf. DCECH). 
Outras veces, estes topónimos remiten a espazos centrais dunha poboación, nos cales se celebran eventos comunais, tales como festas e feiras.

O CANTO (Suegos, As Negradas)

O CANTO DO MURO (Riobarba, San Román, As Negradas)
Aínda que canto tén varias acepcións, a interpretación que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de 
 "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente certo en "O canto do muro", ou noutros topónimos como "O  canto da vila" en Silán (Muras),  "o canto do pazo en Castelo (Cervo) ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

É un topónimo frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón. En particular, hai outro "Canto do Muro" en Irixoa (Muras).

A CAPARIÑA (Cabanas)
Esta poboación está documentada en 1305 como "Caparino": 
 "... in Barroso in San Pantaon in Ysai in Lignares in Maia in Caparino in Cabanas in Cabanas in Freixeiro in Maiofrio in Sisto in Peradela et in Mallados ..." (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos", 1999).
Pese á diferenza de xénero entre o documentado "Caparino" frente á actual "Capariña", non ofrece maior dúbida de que correspondan ao mesmo lugar, primeiramente polas referencias xeográficas e, ademais, por non ser excepcional esta evolución da terminación "-o" para "-a", documentado noutros casos en Galiza.

Os dicionarios de galego recollen "cáparo"  como " a cría de corzo" (cf. DdD), co cal "capariña" sería a "cría nova de corzo".
Hai certa frecuencia en Galiza de topónimos relacionados, "Cáparo" e "Capareira" así "Capariños" en Santiago, "Capariños" en Oímbra, "Caparón" no Viveiró (Muras).
E. Rivas rexistra Val de Cáporos e O Cáparo na Serra de San Mamede do Macizo Central ourensán. Igualmnte no norte de Portugal atópase no concello  de Montalegre unha zona de gravados rupestres chamada Campo de Caparinho. 
A forma "cáparo" semella prerromana, co típico sufixo átono -ara, como en "gándara". Os dicionarios recollen a variante caparro, co sufixo -arro de posible orixe prerromana.  Corominas e Pascual propoñen unha base indoeuropea kapro, masculino correspondente ao latín capra ‘cabra’, que nomeou animais monteses machos, como o grego cárpos ‘porco bravo’, celta gabros ‘chibo, macho cabrío’. Obviamente isto non indica a antigüidade do topónimo, pois "cáparo" mantívose no galego.

Por outro lado, pode interpretarse como derivado dun nome de posesor, dun propietario medieval chamado Caparino. De feito, o alcume Caparino figura atestado en 1223, así como o topónimo Caparim no norte de Portugal, en 1290 (cf. p. 167 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999). 

AS CARREXAS (O Vicedo)
A interpretación deste topónimo parece máis simple do que na realidade é. En principio, poderíamos pensar na acepción normal de "carrexa", sinónimo de "carrexo" que alude á "Acción e efecto de carretar" (cf. Dicionario RAG).

No entanto, a motivación do topónimo non estaría moi clara neste caso.
Alternativamente, podemos interpretalo na acepción de "pequena carreira ou carreiro", na acepción orixinaria de camiño estreito de carro. Quédanos a dúbida.
Sexa como for, este núcleo de poboación xa figura atestado a mediados do século XIX (cf. Dicionario de Madoz).
En canto á etimoloxía, derivaría de carrum 'carro'. En concreto, viría de Carregia, igual que ocorre no caso do "Carrexa" asturiano que recolle X. L. Gª Arias, indicado que está atestado nun documento de 912, como “Sancte Marie de Carregia et Sancti Felicis” (cf. X. L. Gª Arias. "Toponimia Asturiana"). 
Temos unha "A Carrexa" na parroquia de Suegos e unha poboación "O Carrexo" no concello de Ortigueira (cf. Toponimia Ortigueira), que interpretamos de igual modo.

O CASAL (O Vicedo)
A voz casal procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

Dous lugares na parroquia do Vicedo teñen este nome. Un deles debe ser o que aparece  atestado simplemente como "O Casal" no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coelleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira"). 

CASTRO BO (Mosende)
O apelativo "castro", 
de orixe latina (castrum), alude á antiga existencia dun poboado fortificado de época prerromana e/ou romana, situado en lugar estratéxico (xeralmente nun alto) e defendido con sólidas murallas. En toda Galiza estímase que hai restos de cinco mil castros, o cal dá idea dun poboamento moi intenso e disperso (cf. A. López Carreira, 2016, p. 73. "Historia de Galicia").

Moitas das veces, as poboacións que conservan este topónimo non se atopan no lugar orixinario do castro senón a certa distancia (aínda que nalgúns casos o poboamento continuou ata hoxe na mesma situación do castro orixinario). Por outro lado, os lugares orixinais quedaron no imaxinario popular, percibidos como enclaves nos cales residía o elemento sobrenatural: tesouros, túneis, mouras de cabelos louros etc.), moitas veces sacralizados mediante a construción de ermidas. 

En efecto, coa conquista romana e posterior romanización, os castros sufriron unha transformación en aldeas galaico-romanas, dándose un abandono progresivo, ao mudaren as prioridades xeográficas, non primando xa a situación estratéxica defensiva e perdendo o uso as murallas (o cal constatan os restos de edificacións alén das murallas ou aproveitando as mesmas murallas). As aldeas galaicorromanas estabelecéronse xeralmente en lugares diferentes dos castros orixinais, pois primaba agora a proximidade ás vías de comunicación, ás terras cultivadas e aos cursos fluviais (cf . J. C. Sánchez Pardo, 2008. "Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Plena Edad Media"). Este proceso de abandono dos castros aconteceu paulatinamente entre os séculos I e III. 

Canto a "Bo", debe tratarse do adxectivo común (do baixo latín bonu > boo > bo). A motivación para esta adxectivación sería análoga á daqueles chamados "Castro Mao", mais tamén podería remitir ao apelido ou alcume dun antigo posesor do lugar.
Por outro lado, semella a priori estraño o uso da forma "bo", fronte á forma común nesta zona, que é "bon"; no entanto, na topinimia si se recolle, así na veciña Riobarba temos o lugar de Portobó.

CHELO (As Negradas)
O termo provén do latín vulgar *planellu, diminutivo de planus 'chan'.
O profesor Pensado defíneo como "superficie plana e alongada que, como unha canle, queda entre dous ribazos" (cf. Martín Sarmiento. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").

Esta hipótese confírmase tamén ao aparecer este núcleo de poboación documentado como "Chenlo" no século XVII, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (cf. Concepción Burgo, 1986. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna" in "Estudios mindonienses" Nº. 2:78).
No 1762 aparece como "sitio de Chelo" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 77). 
No 1879 figura como Chelo (cf. GALICIANA censo electoral).

A CORVA (O Vicedo)
Probablemente non se refira á ave senón á acepción de ‘parte curva ou arqueada no alto dun vale ou dun monte’, que aínda se conserva na fala do Bierzo (cf. aquí).

A COVA (Riobarba)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Riobarba (1753), ao establecer os muíños existentes:
                          .. "sitio da Coba"..
Neste pequeno núcleo de poboación de Riobarba non existe ningunha cova coñecida, máis ben tén este nome nun sentido metafórico, ao estar situado este lugar no fondo dunha pequena valgueira. 
Aínda que o dicionario non rexistra esta acepción para "cova" (senón que a define como "caverna, cavidade natural ou artificial no terreo"), no caso que nos ocupa non presenta maior dúbida a acepción indicada.
En efecto, moitos topónimos "Cova" adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").

CRECIDE (As Negradas)
No 1762 aparece como "sitio de Crezide" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 80). 

Ten orixe nunha *(uilla) Cresciti, referindo a unha uilla (granxa, explotación agrícola, casal) altomedieval dun propietario chamado Crescitus, nome de orixe latino-romance.

CREXIMIL (As Negradas)
Este núcleo de poboación xa aparece atestado no censo de Pecheros de 1528 coa forma "Qegemil" (erro de transcrición Cr->Q). Aparece mencionado separadamente das Negradas e das Ribeiras do Sor. Probablemente foi un Couto señorial e freguesía, tal como parece tamén derivarse doutro documento (unha sentenza) de 1703, no que figura como "Cregimil" (cf. Biblioteca Galiciana) e no 1879 como Crejemil (cf. GALICIANA censo electoral).
No 1762 aparece como "sitio de Creximil" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 74).

Este topónimo ten a orixe no nome do antigo posesor do lugar.
Un topónimo similar, Cristimil (Lugo)  foi analizado por Nicandro Ares, atopando as atestacións Guestrimir, Gestrimir, Grestimir, Guistrimyr na documentación de Oseira, polo que concluíu que se trataba dunha (uilla) Wistimiri,  forma en xenitivo de Wistimirus, aludindo a unha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal) pertencente a un propietario de dito nome. O nome Wistimirus é de orixe xermánica
, e ten como primeiro elemento o gótico *wist- ou *wistr- ‘oeste’ (HGN, §313, §314).
Igualmente, Miguel Costa postula con ampla evidencia documental  a mesma derivación, para Cristimil e para Castromil. A evolución podería ter sido Wistrimiri ˃ Guistrimir > Gristimir > Cristimil  (cf. blog de M. Costa "Frornarea"). 
Igualmente, Gonzalo Navaza postula a mesma orixe (cf. G. Navaza, 2022. "Nomes de persoa na toponimia de Lalín").

No caso que nos ocupa, os pasos seguintes serían Cristimil > Crisimil > Criximil. Localmente é pronunciado Crisimil.

Da mesma orixe está atestada no 926 unha vila de Crexemir (actualmente chamada Creixomil) no norte de Portugal, preto de Guimarães.

A interpretación tradicional é similar mais derivándoo dun nome diferente, de Crescemirus, explicado como híbrido de raíz latina e o elemento visigodo -mirus, do gótico *mereis 'famoso'. En efecto,  J. M. Piel postulou esta orixe para Creximil; cita tamén exemplos portugueses, incluíndo o xa referido Creixomil (Guimarães), atestado como Creximiri no ano 959 
 (cf. J. M. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos na toponímia galego-asturo-portuguesa", in Biblos).
Tamén  Boullón Agrelo postula esta a orixe, e menciona o nome de persoa "Crescemiro" atestado no 960, no Tombo de Samos (cf. p.180 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"), e a de L. Becker (cf. p.356 de L. Becker, 2009, "Hispano-romanisches Namenbuch").

A EIROÁ  (O Vicedo)
O termo "Eiroá" procedería do diminutivo antigo de eira, do latín *ārĕŏla, diminutivo a partir do latín ārĕa 'área, superficie; lugar chan; solar', o cal deu no galego "aira" e "eira" 'lugar chan, próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc.’ (cf. DRAG).  Esa orixe foi atribuída xa por Sarmiento, e máis contemporaneamente por Moralejo Lasso (cf. A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa". 1977), Cabeza Quiles e outros.
Este topónimo aparece atestado no 1879, no censo electoral de Viveiro.

Este topónimo é importante no estudo dialectolóxico do galego, por presentar unha terminación "-oá" nunha zona que, na actualidade, presenta o hiato "-oa" para a terminación diminutiva latina -ola. Así, é mencionado no estudo de Pérez Capelo (cf. aquí: "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015), no cal é interpretado como que o sufixo latino -ola tería evolucionado nesta zona para "-oá" antigamente. Cremos que esta é a opción máis probable, se temos en conta a existencia do topónimo "A Amoá" en Cabanas, ou a conservación da forma "teiroá" para o apelativo tamén mencionado no artigo indicado.

O ENXERTADO (Riobarba)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros.
En palabras de Xoán F. Fernández López:
As mencións do enxertado e dos enxertos non son raras na documentación medieval, estando referidas, a meirande parte delas, ao castiñeiro [..] Dáse ata o caso en que enxerto faise sinónimo de castiñeiro (cf. X. F. Fernández, 2022. "Do monte, das aveas, dos castiñeiros, dos pomares e doutras froiteiras:contribucións para a historia agraria de Galicia").

A ESCANAVADA (Cabanas)
Ademais deste lugar, actualmente deshabitado, o Nomenclator recolle en Galiza outros dous 
núcleos de poboación con este nome, así como catro microtopónimos.
Aínda que non o recolle os dicionarios de galego, debe tratarse dun derivado co prefixo ex-, indicando aquí unha acción sistemática de extracción, neste caso de canaveiras (canas bravas, carrizos), formación análoga á dos microtopónimos Estoxada, Estoxa, deverbais de estoxar "quitar os toxos". 
Aludiría por tanto a unha finca que antes de ser labrada estaba con canaveiras ou canas, a bravo. 

Por outro lado, Pascual Riesco dálle a interpretación como forma deturpada por "escadavada", tamén con este sentio extractivo, de arrincar as plantas (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas). No entanto, dado que só atopamos en Galiza unha "Escadavada (en Vilalba) e sete "Escanavada", sería estraño que a forma maioritaria fose a deturpada, polo que penso que son topónimos distintos.
O Nomenclator de Galicia rexistra outra "Escanavada" en Muras.

AS ESPIGUEIRAS (Riobarba)
Este topónimo é único na xeografía galega. 

Aínda que o termo "espigueira" non é recollido nos dicionarios de galego, debe corresponder co portugués "espigueiro" 'cabazo, hórreo'. 
No Dicionario de Madoz (1840), onde figura  este lugar en singular, co nome de "Espigueira". É importante este dato, porque senón semellaba rara a alusión a un conxunto de hórreos, son raros os casos de construílos agrupados.

En canto á motivación para este nome, poderíamos pensar que alude a un lugar no cal tiñan un hórreo. Con todo, por que o feito de ter hórreo era algo distintivo (positivo ou negativo) ?  talvez foi dos primeiros en construír un hórreo, ou ao mellor o termo "espigueira" aplicábase a unha clase de hórreo distinta. Xa que o nome actual na zona é "hórreo", podemos pensar que foi un dos últimos casaríos en conservar unha "espigueira". Sería de madeira, do estilo oriental lucense  ?.

Aínda que máis improbábel, tamén poderíamos pensar que aluda a unha (terra) espigueira, terra propicia para o cultivo do cereal (o centeo probablemente), pola calidade ou pola orientación do lugar.

O ESQUIZO (Cabanas)
Significado e orixe incerta. Posibelmente relacionado con "isca" ("materia vexetal que arde doadamente), aludindo ao seu uso para iscas.

FABÁS (Suegos)
Plural de "fabal", alude a un 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG). Así interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").  Remítenos, xa que logo, á vexetación existente cando se fundou este lugar.

Tratándose dun núcleo de poboación, tamén poderíamos pensar na correspondencia cun antropónimo, como por exemplo nunha *(uilla) Fafilanis, forma en xenitivo xermánico de Fafila, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). De feito, está atestado "Fafianis" como topónimo ("Iohannem Muniz de Fafianis") "nun documento de 1231 no Tombo de Sobrado. (cf. p. 224 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). É de notar que a evolución de -f- intervocálico para -v- é frecuente en galego (e.g. Estephanus > Estevo, defensa > devesa, ..).
A maioría dos "Fabás" existentes na xeografía galega estar referidos a nomes de poboación ("Fabás" en Vilalba, "Os Fabás" en Viveiro, en Vilalba, en Ortigueira, Cambre, "O Fabás" en Vigo, "Muíño de Fabás" en 
Xove e en Vilalba).

O FOLGUEIRO (Suegos)
O mesmo que "folgoso", alude a un "lugar onde abundan os felgos". Remítenos, xa que logo, á vexetación existente cando se fundou este lugar.
O termo é un derivado de "felgo" coa vogal pretónica alterada polo contacto co [f] inicial , evolución coherente con outras formas dialectais como "formento" por "fermento", ou "formoso" por "fermoso".

O FONTAO (Suegos)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Alternativamente, aínda que improbable, sería derivalo do nome dun posesor Fontanus (cf. Cabeza Quiles).

A FORQUETA (Riobarba)

A  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ("Forcada", "Forcadela", "Forcadiña") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato. Noutros casos tamén pode referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

Para o caso deste lugar, probablemente alude á súa proximidade a onde se xuntan o rego dos Muíños e o rego da Pardiñeira, aínda que non está situado propiamente nese lugar. Por iso, e tendo en conta que se localiza preto do monte do "Cordal", semella máis interpretalo como "lugar onde se xuntan dous cordais".

A mesma interpretación dáa Coromines na toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques"Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, a unha bifurcación nun camiñoo, río, val ou barranco.

É de notar que, dada a súa frecuencia en Galiza, podemos descartar  que estes topónimos aludan directamente a un aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non se darían con tal frecuencia.

A FRADARÍA, A FRADERÍA (San Román)
Este lugar aparece  atestado como "Casal da Fradaria" no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coelleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira"). 

O termo "fradaría" é en galego sinónimo de "convento". O nome foille dado, con case seguridade, por pertenceren as terras aforadas ao dito convento de San Miguel da Coalleira.

(Lugar de) FRANCOS (As Negradas)
O nome deste lugar, despoboado na actualidade, pode remitir a poboadores "francos", con privilexios e exencións, ou tamén a provintes de alén dos Pirineos (ou de Cataluña). Para máis detalles, ver a entrada do blog Pena da Cataverna.
Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, daquela xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago) (cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986).
Houbo tamén nas Negradas un "sitio de franquiños": en 1762 aparece varias veces atestado (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 316). Tamén aparece atestado nese documento o lugar de Francos.

FROUFE (San Román)
De *(uilla) Fradulfi, forma en xenitivo de Fradulfus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).
J. M. Piel dubida entre derivalo do indicado Fradulfi ou de Fronulfi, xenitivo de Fronulfus, indicando que este último tería a raíz *Fron-, correspondente sueva da visigótica *Frauja. Cf. J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III.
Sexa cal for das dúas, é importante notar que a presenza dun nome de orixe xermánica non indica en absoluto que o posesor tivese tal orixe, xa que os nomes de orixe xermánica eran de uso maioritario na Idade Media, por "moda", non por etnia.

A GÁNDARA (As Negradas)
O termo "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan. Neste caso, posiblemente indicaría un lugar de terras barrentas.

Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago) (cf. Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986: 
178).
É interesante que en 1762 aparece varias veces atestado como Gandra (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 177-178).

GARAVIDE (O Vicedo)
Este lugar figura atestado como Garabide no censo electoral de 1879.

O termo "garavide" é de significado e orixe incerta, aínda que podemos establecer tres hipóteses máis ou menos probables:

Debe provir de *Agraavide < *agra Aviti, sendo Aviti (ou Viti) a forma en xenitivo de Avitus (ou Vitus), o nome o antigo posesor da agra. En efecto, aínda que complexa, non se pode desbotar a evolución *Agra Aviti > *Agraavide > *Agaravide > A Garavide. Este nome Avitus derivou do latín avitus 'do avó ou dos devanceiros'. Está atestada unha uilla de Abitus no Tombo de Samos, nun documento do 1098 (cf. p.62 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Tamén é igualmente probable a mesma hipótese pero de agra Viti, sendo Vitus un nome frecuente na Idade Media.

O Nomenclator rexistra tamén un "Penavide" en Ortigueira, que remitiría ao mesmo nome persoal.

Aínda que menos probábel, non podemos descartar a alternativa de provir de "Garabida", co sufixo abundancial -ide, frecuente en fitotopónimos. Existe tamén o topónimo "Garabal" no concello de Santiago de Compostela.
Canto ao elemento garav- ao que se referiría o abundancial, é máis incerto. Podería indicar abundancia de "garabullo, garavizo" ou outro termo léxicamente relacionado. Tamén podería estar relacionado co tema paleoeuropeo *graw-, derivado da raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', presente en hidrónimos. De feito, E. Bascuas relaciona un topónimo de morfoloxía similar, "Gravido" (A Laracha), co mencionado tema *graw-. Sería, por tanto, indicativo de abundancia de auga, fontes ou similar. Cf. p. 315 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

É importante notar que os abundanciais en -ide non son excepcionais frente ás formas en -edo, -ido: existen na Mariña Central os topónimos como Teixide, Porride, Cardide, Pedride, incluso Mexilluíde (cf. Toponimia de Xove).

A GATARIZA (As Negradas)
A interpretación clásica deste topónimo é sinxela: "lugar onde se xuntan os gatos"(posiblemente o gato montés ou a garduña). Esta é, por exemplo, a hipótese mantida por Rivas Quintas (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). 
En efecto,  estaría formado a partir do sufixo -iza (latín -icea), co infixo -r-, presente en topónimos como Abellariza, Cabalariza, Vacariza, Ovellariza, Cocheriza, Porcariza 'cortello', Rateriza 'abundancia de bichos, en xeral'. Moitos deles veñen recollidos nos dicionarios, alén doutros como "cabreiriza".

No entanto, Gatariza é un unicum, non coñecemos outro lugar con este topónimo. Tamén semella estraño o feito de este lugar ser chamado "Cateriza" na fala corrente, nunca Ghatariza, que sería a forma normal se a orixe fose Gatariza, dada a presenza da gheada nesta zona.Tampouco é un sitio de monte ou illado que semelle apropiado para covil de gatos monteses ou garduñas.

Considerando os problemas indicados para esa interpretación, pensamos que é máis probable que se trate dunha referencia opaca a un nome de posesor do lugar, tal como debe que acontecer cos topónimos Gomariza, Espariza, Baldariza, Beariza, Artariza, Chafarizas, Gandariza e Xabariza (incluso talvez Margariza) que é de supoñer ligados respectivamente aos correspondentes (uilla)  Gomarici, Asparici, Balderici, Viarici, Artarici, Sauarici, Gunderici, e Sauarici. Incluso talvez a poboación d'As Carizas (Dumbría), podería esconder unha falsa segmentación de Ascarizas, orixinado analogamente nun Ascarici, e probablemente tamén A Cariza (Baltar, Ou) proveña dunha reinterpretación doutro Ascariza. Do mesmo modo, unhas terras A Sariza (Viana do Bolo) poden esconder un Ansariza, o mesmo que As Xarizas (Santiso) agacharán un Anxariza, e As Parizas (Fene) un Espariza. Tamén As Gorizas (Ribadeo) pode que se trate dunha alteración dun Goiriza (de Goderici).
Todos eses topónimos forman parte da coñecida serie de topónimos derivados de nomes de posesor, todos eles co coñecido elemento -ricus, de orixe xermánica (protoxermánico *rīkz 'xefe, señor'), extraordinariamente produtivos na antroponimia altomedieval galega, e que foron usados coa forma en xenitivo -ici, para referirse ao posesor das uillae altomedievais (granxas, explotacións agrícolas).
Deste modo, Gatariza viría de Guetiricea partir dunha (uilla) Uittirici, remitindo a un posesor medieval chamado Uittericus. Tería igual orixe que o máis famoso lugar de Guitiriz, e aínda Quetriz, preto de Viseu (Portugal).
Hai outros topónimos que poden ter orixe análoga, tales como "Artariza" (<*Artarice < Artarici xenitivo de Artaricus, do  proto-xermánico *Hardarīkaz) en Lourenzá. Contrariamente, Hortariza, dada a súa relativa frecuencia, de Hortariza e Horteriza, apunta á transparente referencia a horta. 

 Outro dato importante que reforza a hipótese anterior é o caso d'A Covariza (Friol), que Nicandro Ares atopou atestada no ano 1019, como villa Queirici:
     "in valle Nallare, villa Queirici" (TSO 1 115),
 ou sexa, a forma en xenitivo de Quedericus, outro nome de posesor pertencente á mesma composición.

Poderíamos pensar que se trata dun simple uso adxectival en feminino para marcar posesión (terra gatariza = pertencente a un posesor oriúndo de Guitiriz), e pode ser alpero sería estraño que, sendo tal uso adxectival, non se atopasen preto de tales predios os respectivos núcleo de poboación co nome en -riz. Semella preferíbel pensar nunha ultracorrección xa antiga de -rice > riça, fronte á evolución común -rice > -riz.

Para case finalizar, lembrar que este sufixo tamén se usa para abundancial de plantas e árbores (Aviariza, Nabariza, Fabariza, Pomariza, Trigariza, Salgueiriza, Ameneiriza, Silveiriza, Hortariza, Pastoriza), pero semella pouco probábel que Gatariza aludise á abundancia de "herba dos gatos" ou "herba gateira" (tamén chamada "valeriana").

Como comentario adicional, indicar que os topónimos "A Villariza" e "Villarizas" deben ser simplemente unha reinterpretación dun "Abellariza", apelativo sinónimo de colmea. No caso de Ganariza non parece seguro, talvez garde relación etimolóxica coa "Fonte do Canariz" (Portugal).
Para o caso d'A Lagariza, podemos relacionala co animal "lagaria".

AS GOEXAS (Suegos)
Este lugar figura atestado como Goeijas no censo electoral de 1879.
Probablemente formado a partir dun topónimo Goexe,  e de aí *"as (terras) Goexas", terras de Goexe. A forma Goexe deriva de (uilla) Godoegie, forma en xenitivo de Godoigia ou Godvigia, nome femenino. Este antropónimo, de orixe xermánica, aparece atestado en Galiza na Idade Media tamén coa grafía Goegia, así como Godvigia, Godoegia, etc (cf. p. 245 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Debeu existir nese lugar, xa que logo, unha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).

O Nomenclator rexistra varios topónimos Goexa, Goexe e Goexo, que deben compartillar etimoloxía con este: Goexa (Paderne, AC), Goexe (Laracha, AC),  Goexe (Celanova), Goexe (Brión), Valgoexe (Riós, Ou) . Tamén O Goexo (Porto do Son, AC), que queda ao pé da igrexa de Miñortos. Os que non corresponden actualmente con poboacións son Valgoexe e As Leiras de Valgoexe, que xa quedan na poboación de San Pedro de Pousada. Tamén O Goexo (Porto do Son, AC), que queda en Miñortos.
Dada a maior frecuencia se dá coa terminación -exe, que parece apuntar a unha forma de posesor en xenitivo, e sendo a gran maioría deles núcleos de poboación, todo apunta á interpretación antroponímica.

Por outro lado, tampouco podemos descartar totalmente unha relación etimolóxica con A Goá (Cospeito) e As Goás, e tamén A Aguá (Barreiros). De feito, o Valgoexe de Riós (Ou) tamén se trata obviamente doutro hidrónimo, e Goexe de Bión queda ao pé dunha Insua e de varios Muíño. Porén, non sempre semellan ter relación con hidrónimos, así por exemplo O Goexo (Porto do Son, AC), que non queda ao pé de ningún rego/regato. 
En resumo, a interpretación inicial segue a ser a máis probábel despois de analizar outras posibilidades.

GOLPEIRAS (Riobarba)
Os topónimos "Golpeira" e "Golpilleira" remiten, real ou metaforicamente, a un lugar frecuentado polos golpes (raposos), e en particular un covil de golpes.

A INSUA (Riobarba)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a illa ou península nun río", ou simplemente un "terreo situado entre dous ríos".
Neste caso, en efecto, trátase dun lugar situado entre o rego dos Muíños e o rego da Pardiñeira, preto de onde se xuntan ambos regos.

A LAGOELA (Cabanas)
Do latin lacunella, dimintivo de "lagoa". É interesante notar que o topónimo lagoa está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

LOUSADA (Riobarba -lugar do Vilar)
Este topónimo pode que derive do feito de haber unha "casa lousada" (con tellado de lousa). Isto sería similar ao caso do topónimo "A Tellada" (Foz) para indicar casa(s) de tella. Tamén existe "A Casa Lousada" en Muras e Vilalba, e "Calousada" (<Casa Lousada) en Xermade, que parecen confirmar esta hipótese. Ademais, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común .
O teito de lousa tiña a vantaxe de menos mantimento que o de palla: as pallazas precisaban renovar o teito cada 15 anos.
Tampouco se pode desbotar totalmente que refira a un lugar onde abunda a lousa, coberto de lousas ou laxes delgadas de pedra ou xisto.

MALADAS (Riobarba)
Derivado de "(terras) maladas", alugadas a "malados". O termo "malados" é un sinónimo medieval de "colonos, servos", no sentido específico de "homes libres que traballaban en terra allea".
Nese sentido, Boullón Agrelo menciona o alcume "Malada", atestado en 1165, e asócialle o significado de 'individuo que está en situación de dependencia con respecto a outro', seguindo a D. Kremer (cf. p.293 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Este lugar figurar atestado en 1305, como "Mallados" (o dobre "l" é só un latinismo):
"... in Cabanas in Freixeiro in Maiofrio in Sisto in Peradela et in Mallados ..." (cf. E. Cal,
1999. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos").

Nun documento de 1309 (CDMACM 72: 104) e noutro de 1347 asinado en Viveiro, rexístrase o nome de "Ferran de Malladas", que correspondería con este topónimo (aquí o dobre "l" non se lería como atualmente, senón apenas "l" simple), ou tamén de outra "Maladas" en Covas (Viveiro).


Está atestado no Catastro de Ensenada para Riobarba (1753), como "Maladas" ao establecer os muíños existentes:
 .. "otro deuna muela al sitio de Maladas, pertenece in solidum a Juan Pardo de Vivero, vezino de esta Villa" ... 

Tampouco podemos descartar unha orixe prerromana, derivado da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', indicando unha 'ribeira, costa'. Esta é a interpretación, por exemplo de F. Villar (cf. p. 57 de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas" ), que o relaciona coa familia de topónimos con base en *mal-, que deriva da indicada raíz indoeuropea *mel-.

Para máis detalles sobre posibles orixes de topónimos como "Malata", "Malates", "Malados" e similares, pódese atopar no blog Pena da Cataverna.


As MANGAS (Riobarba)
Este lugar está atestado nun documento de Viveiro de 1483, ao referirse a un "Juan das Mangas" (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do noroeste hispánico": 439).

O topónimo deriva do latín manica 'manga', prenda de vestir. Metaforicamente, alude a unha faixa do terreo, peza alongada de prado ou de terra de labor, que sai do corpo máis central da paraxe e que se introduce noutro. Considerando o anterior, e a situación do lugar, posiblemente neste caso "As Mangas" aludisen a zonas cultivadas alongadas e rodeadas de monte.
É un topónimo relativamente frecuente, atopamos p. ex. outro en Piñeira (Ribadeo).

MANXOFRÍO (Cabanas)
Do latín mansio frigidus, unha pousada de estrada deshabitada. Podería indicar, por tanto, o paso dunha antiga vía romana.
En calquer caso, xa figura atestado en 1305, como "Maiofrio" : 
"... in Cabanas in Freixeiro in Maiofrio in Sisto in Peradela et in Mallados ..." (cf. CDMACM = E. Cal, " Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
No censo de Pecheros de 1528 aparece novamente, xa coa forma "Majofrio", o mesmo que en 1847, no "Diccionario" de Madoz", e igualmente no 1879 no censo electoral. A evolución sería de Maxofrío (ou talvez /maixofrío/) para Manxofrío parece por tanto que non foi antes dos finais do século XIX.

Rexístranse varios lugares e parroquias en Galiza co nome "Meixonfrío": en Couzadoiro (Ortigueira), no concello lugués de Taboada, en Carballedo, en Coirós, en Lousame, en Ordes, en Taboada. En Vieiro existe "Meixofrío".

Encóntranse en Portugal lugares coa denominacion Mejamfrio, e coa mesma orixe; así o albergue instituído na "Carta de Couto e Foral de S. Pedro de Osseloa", en Novembro de 1117, é chamada Mejamfrio (cf. nota páx. 9 de A. C. do Amaral, "Memória V. Para a História da legislação e Costumes de Portugal"), e Miguel de Oliveira informa (cf. p. 26 do artigo citado) que Albergaria-o-Velha era chamada en antigos documentos Albergarie veteris de Meigonfrio (neste caso, o "g" indica o son fricativo, similar ao do "j" no portugués actual).

É importante indicar que os romanos distinguían, en canto a pousadas nas estradas, entre as mansiones 'albergues', as mutationes 'mudas, postas' e as stationes 'estacións', alén dos apeadeiros e dos marcos miliarios.
Convén tamén notar a normalidade da evolución de mansionem > *masione : o mesmo ocorreu en moitos outros casos de nasal diante de "s", así mensa>mesa, mensis>mes, mensura > mesura, etc.

Como referencias atopamos: boletim aveiro, libro , Corpus lingüístico da Galicia medieval.

Lugar de MARCOS (As Negradas)
Este lugar tomou este nome por ter pertencido a Marcos Paz (testemuño recollido oralmente). Este Marcos Paz probablemente corresponda coa persoa partícipe en 1752 na realización do cadastro de Ensenada para As Negradas, un dos dous peritos nomeados polo "común" (o pobo).

MONTE DE INSUA (As Negradas)
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "Juan Gomez demontedeynsoa" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 104).
Nesta caso, o apelativo "insua" refire a unha península (meandro) no río Sor.

Ver A INSUA. 

MONTEMEAO
(Riobarba)
Composto de "Monte Meao". O termo meao era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación.

MORÁS (San Román)
MOREIRAS (San Román)
O lugar de Moreiras  aparece  xa atestado no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coalleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira"). 

Para os topónimos Morás e Moreiras a interpretación máis común é que remitan a un "conxunto de moreiras".
Segundo Navaza, "Morás" trataríase dun fitotopónimo, o plural de "moral", lugar onde abundan as moras. O mesmo indica para "Moreiras" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Debe referirse á árbore relacionada coa antiga produción de seda, quer á moreira branca (Morus alba) ou á moreira negra (Morus nigra), ambas as dúas presentes en Galiza. 

Aínda que menos probable, outra hipótese é a da orixe na raíz hidronímica indoeuropea  *mar- / *mor- 'auga detida', ou tamén a raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", de orixe talvez preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".  De feito,  Gonzalo Navaza indica que non pode garantir que todos estes topónimos teñan valor fitonímico.

Para o caso de "Morás", cabe unha interpretación alternativa é a de *(uilla) Mauranes, uilla de Mauro (coa forma en xenitivo) remitindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola), así o interpreta Miguel Costa (cf. Frornarea).

Con todo, cremos que a existencia dos dous topónimos na mesma parroquia parece indicar unha orixe común, que non sería outra máis que a de fitotopónimo.
É un topónimo relativamente frecuente, atopámolo tamén na Vila de Bares, así como outra entidade de poboación deste nome en Ortigueira e mais outra en Foz.

O MORGALLÓN (As Negradas)
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar "una casa terrena alsitio demorgallon" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 115). 

Os topónimos O Morgallón, coas variantes O Morgollón, O Morgullón, Murgullón, Os Morgallós, son relativamente frecuentes na toponimia galega, en particular na área mindoniense (Ortegal e A Mariña).
Aínda que se teñen postulado outras hipóteses, en base ao estudo das situacións de todos eles e do léxico galego, portugués e asture-leonés, pensamos que remiten á presenza das herbáceas Ranunculus bulbosus ou Ranunculus repens, tendo un significado similar aos topónimos O Bugallón. Ver para máis detalles o estudo (X. L. González, 2024. "O Morgallón e outros topónimos relacionados")

MOSENDE (Mosende)
O termo "Mosende" remite ao nome dun antigo posesor do lugar. En efecto, deriva posibelmente dunha *(uilla) Manosindi, forma en xenitivo de Manosindus, nome de orixe xermánica que refire ao antigo posesor ou fundador da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal). Alternativamente, o nome orixinario puido ser Madosindi, de Madosindus, aínda que non inflúe no resto da análise presentada.
É importante notar a pronuncia /mòsende/ con "o" aberto, que cofirma a evolución Manosindi > Mãosende > Moosende > Mosende. 

No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Mosénde" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
O Nomenclator rexistra outro Mosende no concello de Ourol.

O MOSTEIRO (As Negradas)
De "monasterium", indicando a antiga presenza dun convento. En efecto, no Mosteiro houbo un convento feminino na Idade Media. Tal como figura atestado, a súa última priora foi María Vizosa, a comezos do século XVI.
Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (cf. Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986).
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "Fran.co yglesia demosteiro" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 102). 

O MURO NOVO (As Negradas)
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "Domingo Fern.ez domuro nobo" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 102). 

A referencia a "muro" é relativamente frecuente na toponimia, así a vila de Muros, ou máis próximo o lugar do Canto do Muro, en Riobarba (O Vicedo), ou o Muro do Vasco (Ortigueira). A etimoloxía  é  a  mesma  que a do substantivo común: o latín mūru, do mesmo significado. Porén, é incerta a motivación desta referencia. Debe remitir á existencia dun muro ou valado perimetral, que tería sido construído por primeira vez ou refeito. A finalidade posibelmente fose a de protección de cultivos e persoas fronte a animais selvaxes ou do gado.

Os NAVALLOS (Riobarba)
Topónimo frecuente en Galiza, así na Mariña e no Ortegal están documentados Os Navallos en Viveiro, O Navallo en Ortigueira, Mañón, O Valadouro, Barreiros.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un 
"mesmo que navalhão; pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. Terrasquentes  www.terrasquentes.pt)
Formacións da mesma orixe atopamos no portugués navalhão, o salmantino navazo 'valle pantanoso' e mais no aragonés navajo "balsa para el ganado". Da mesma raíz, ademais da indicada Nava, temos Navia (co cognado portugués Neiva) e Navaza. En resumo, Os Navallos deben remitir a lugar no que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

A etimoloxía é controversa, tal como comentamos de seguido.
Tradicionalmente interprétase como derivado da voz prerromana "nava" 'val, chaeira rodeada de montes', 'lugar pantanoso', xunto co sufixo diminutivo do lat. -culos, sufixo presente noutras formas de orixe prerromana, como "Os Covallos", que deriva de "cova".

Por outro lado, outros autores sinalan a inexistencia na toponimia da forma "Nava", así como que para algúns dos topónimos Navallos, están atestadas formas antigas Lavallos, que apuntarían á orixe nun étimo con L-. Así, por exemplo:
[...] se vadit ad cimam de Teyxoneyras et per portum de Laualo et  [...] (cf. CODOLGA).
Por tanto, podería tratarse dun derivado da raíz hidronímica indoeuropea lou- 'lavar', da cal provén igualmente a nosa voz lavar, do latín lavare 'lavar'.
En soporte desta interpretación, está atestada esta vacilación N-/L- na toponimia, así Novexilde < Lovegildi < Leovegildi, Lebozán < Nebozan < Nepotiani (cf. CODOLGA), igual ca no sentido oposto, e.g. Landoi < Nandoi (cf. CODOLGA). Esta vacilación explícase por  disimilación de consoantes laterais (-l-,-ll-) ou nasais (-n-,-m-).

É de notar que, independentemente da etimoloxía, o que segue sendo bastante clara é a motivación, de  remitiren a lugares que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

AS NEGRADAS (As Negradas)
O topónimo fai referencia á cor negra, probablemente a "as (terras) negradas", "as terras ennegrecidas", sexa por actividades de roza (terreo de monte, que era rozado e queimado para despois sementar trigo ou centeo), sexa pola calidade da terra, ou aínda de árbores.
É un caso similar ao dos topónimos "As Negrais" (Samos), ou da homónima "San Vicenzo das Negradas" (Guitiriz).

O primeiro documento no que a atopamos mencionada data do 1433 (cf. Corpus Xelmirez), xa co nome actual de "San Miguel das Negradas". 

No censo de Pecheros de 1528 aparece mencionado coa forma "Santa Marina e San Miguel de las Negradas". A mención "Santa Mariña" refire ao nome tradicional do actual núcleo de San Roque (ver entrada "San Roque"), pertencente á mesma parroquia actualmente. Pouco despois aparece tamén atestado no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coalleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). No século XVIII atopamos novamente a localidade atestada como "Negrádas" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

Infelizmente, a forma oficial actual "Negradas" é errónea, por non manter o artigo, presente na fala, habendo documentación atestada suficiente que demostra que sempre foi "As Negradas".

No séc XVIII figura no Diccionario de Madoz como parroquia con 200 casas e 598 persoas, constando dos seguintes lugares:
     Agemil (?), Alpujarras, Áspera , Barreira, Casanova , Chelo, Esoche (?), Fonte, Francos, Gándara, Monte de Insua, Morgallon , Mosteiro, Murados, Muronuevo, Noche, Orecide(=Crecide), Orejemil (=Creximil), Poza (=As Pozas), Pozeira, Redonda, Rego, Salgueiros, San Roque, Sta. Mariña, Turbal (=Xurbal)  y Villamil(=Villabril) .

NOCHE (As Negradas)
O nome vén de (uilla) Nausti(i), forma en xenitivo de Naustus ou Naustius, o nome do antigo posesor da uilla ("granxa, explotación agrícola"). Esta interpretación deste topónimo foi xa dada por Piel e Kremer (Cf. J. Piel e D. Kremer, "Hispano-gotisches namenbuch". 1976). A raíz Naust- é aínda opaca canto á súa orixe e significado (cf. Piel, mesma cita).
O nome Naustus está rexistrado en Galiza (cf. aquí), e como topónimo existe outro "Noche" en Vilalba, así como Nouche en Beán (Ordes, ACo).

Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (cf. Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986).
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "Fran.co Lopez denoche" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 102). 

A PALLAZA (Suegos)
Este topónimo indica que nesa poboación houbo unha casa pallaza (con teito de palla), ou que tivo a orixe nunha casa pallaza.
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de palla xa non era o máis común. O teito de palla precisaba ser renovado cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm).
Tamén está documentado en Portugal (1524) "moradas palhaças', construcións telladas con palla. Cf. aquí.
Outros topónimos relacionados serían "Colmaça" ‘casa tellada con colmo (palla longa do centeo)’, "Bergaço" ‘construción feita con varas (trenzadas)’, do latín virga, "Taboaço" ‘construción feita con táboas’, etc.

A PARDIÑEIRA (Riobarba, e microtopónimos en Mosende, nas Negradas e en San Román)
A interpretación deste topónimo ofrece varias acepcións; a que encaixa nesta zona e na toponimia será a
 mesma que "pardiñeiro": "casa arruinada e destartalada" (cf. DdD). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".

O Nomenclátor de Galiza e o PTG rexistran "Pardiñeiras" por toda a Galiza. En Bares hai tamén un "A Pardiñeira", en Covas atópanse "Os Pardiñás", en Muras tamén se rexistra o topónimo pardiñas. En Laxe tamén se rexistra "pardiñas", e nese caso hai quen aponta á acepción de "devesa".
O PAZO DO PEREIRO (San Román)
O lugar d'O Pazo xa aparece  atestado no 1545, unha "Voz do Paacio" nun "apeo" do Mosteiro da Coalleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). 
O termo "pazo" derívase do latín palatium, e xa na Alta Idade Media a forma paaço tomou esta acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre. Unha referencia medieval a un pazo non debe entenderse como un pazo na actualidade, senón que remitiría simplemente á casa do señor, de boa feitura, probablemente de cantería, de dous andares e cuberta de tella ou lousa, en contraste coas demais casas que serían de planta baixa e cubertas de palla.

O PEÓN (Suegos)
Este lugar figura atestado como Peon no censo electoral de 1879.
O topónimo probablemente aluda á profesión, ao alcume ou apelido do fundador ou posesor do lugar. Como apelido, xa figura atestado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). 
A interpretación concreta dependerá da súa antigüidade: se for de hai un século pode aludir a alguén que traballou de peón camiñeiro, mentres que se for medieval aludirá a alguén co oficio de "soldado pedestre", xa que este nome figura xa como nome de profesión no galego medieval (cf. DDGM).

PIÑEIRO (O Vicedo)
O nome deste núcleo de poboación deriva dun fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome. Tal como ocorre neste caso, na toponimia é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde. 
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas,. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón
soamente existían exemplares illados.
Este lugar xa está documentado no ano 1099  co actual nome, escrito "Pineiro" (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira").

PONTIDE (Suegos)
Podería provir dun *Pontem Titi 'ponte de Titus', e de feito esta é a interpretación tradicional que se fai para este topónimo. 

O POUSADOIRO (As Negradas)
A voz pousadoiro designa o lugar que quedaba á fin ou remate dunha subida, onde naturalmente o camiñante descarga e pousa o seu peso e carga.  Esta definición xa vén recollida para o portugués antigo (cf. s.v. "pousadouro", in Viterbo, "Elucidário", 1798).
Asimesmo, designa o poio ou similar onde se acostumaba pousar a carga transportada ás costas. 

PRADAEDO (San Román -lugar da Fradaría)
Este lugar xa está documentado no ano 1099  co actual nome (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira").
O nome remite a un lugar no que abundaban os "pradairos",  árbore caducifolia do xénero acer, común en Galiza. Alude, xa que logo, á vexetación existente cando se fundou este lugar.
A orixe etimolóxica é nunha forma platanetum. Así, para o caso de Pradeda (Baleira), N. Ares indica as formas Plataneta no 897, Pradaneda en 1166, Plataneda en 1225, Pradeeda en 1258, e xa Pradaeda en 1260 (cf. N. Ares, "Toponimia de Baleira", in "Lucensia" núm. 37, 2008).

A REDONDA (As Negradas)
O termo "redonda", alén do seu significado obvio, Martínez Lema indica o uso adicional en galego co significado "zona ou territorio delimitado, que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros (cf. P. Martínez (2010) aquí).

E. Rivas rexistra o seu significado como"zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares". Neste caso, consideramos que se trataría desta acepción.
En definitiva, os termos "redondo" e "redonda", como topónimo, indicarían ben a forma do terreo ou ben a súa condición de cercado ou valado, ou constituínte dun couto. 

Concretamente, o topónimo que nos ocupa, un núcleo de poboación,  aparece documentado no século XVII con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago) (cf. Concepción Burgo, 1986. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2).
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "enel Lugar darredonda" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 242).

REGAEDO (San Román do Vale -lugar do Vilar)
Derivado de "rego", co sufixo abundancial -edo. Indica, por tanto, un lugar onde abundan os regos (con "e" aberto).
Existe o topónimo análogo "O REGAL" en Riobarba.

O REGAL (Riobarba)
Derivado de "rego". Neste caso o sufixo non é abundancial, senón similar a o caso de "rial", que remite na toponimia a un lugar onde nace un río ou rego en pendente. 
O caso do topónimo "Regaedo" en San Román debe ser un caso análogo, coa única diferencia dun sufixo.

Alternativamente, aínda que improbábel pois encaixa a interpretación previa e, ademais, a presenza do artigo tórnao improbábel, poderíamos pensar que derivase dunha (uilla) Rechiari, forma en xenitivo de Rechiarius, nome de orixe xermánica. De feito, foi o nome dun rei suevo.

O REGO DOS BOIS (Riobarba)
Esta poboación figura atestada no Catastro de Ensenada para Riobarba (1753), ao establecer os muíños existentes:
.. "uno de una muela al sitio do rego do Bois" ... (sic)
É interesante notar que este núcleo de poboación queda nun outeiro, e o Rego de Padró, o máis próximo, non queda excesivamente preto. Tendo en conta a existencia máis a oeste doutro "Rego dos Bois" (tamén chamado Rego Escuro), ese xa si un rego, que desauga no río Sor, preto da Ponte do Porto, podemos pensar que esta poboación aluda ao outro rego, talvez sendo fundada por unha persoa procedente do dito lugar.

O termo "boi" nestes topónimos pode provir ben do significado obvio, remitindo a un rego de certa profundidade, capaz de ser cruzado por bois. Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.
Dada esta homonimia, é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois"  teña unha orixe litonímica.
Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.
Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades.

Os REIS (Cabanas)
Os REISES (Cabanas)
Aínda que o Nomenclator oficial recolle este núcleo de poboación como "Os Reis", o nome real, historicamente así chamado, é Os Reises, moi probablemente remitindo a unha familia de apelido "Rei", que sería o antigo posesor ou fundador deste núcleo de poboación.
Indica Antón Palacios:
a enquisa de campo indícanos que, en realidade, o lugar do Vicedo se chama Os Reises, cun plural hipercaracterizado que a comisión de Toponimia (21/3/2014) aprobou para substituílo que agora figura no NG." (cf. A. Palacio, 2017. "Antropónimos en topónimos galegos", in Verba 75).

O Nomenclator rexistra outro Os Reis en Fazouro (Foz).

RIOBARBA (Riobarba)
Este topónimo ten a orixe no sintagma "Río Barba", no cal "Barba" é unha hidrónimo de orixe prelatina. O filólogo Edelmiro 
Bascuas, na súa análese deste topónimo concreto, indica a posibilidade de que a orixe sería no regato que actualmente segue a chamarse "Regato de Río Barba" (cf. p. 76 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

Este hidrónimo Barba proviría dun anterior Barva, a partir do radical *barw-, derivado da raíz indoeuropea *bher 'ferver, bulir, manancial'. Esta raíz hidronímica barb- é frecuente na toponimia galega. Así, por exemplo, atopamos na prov. de Lugo "Reibarba" (Folgoso do Courel), "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña, Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña. En Ourense. Barbantes, A Regada da Bárbora, O Barbañicas. Na prov. de Pontevedra Río Barbeira.

O topónimo "Riobarba" rexístrase xa en 1488, na doación de "San Payo de Riobarba" para a Guerra de Granada.

Por outra banda, preto de Riobarba existe o "Monte de Fernanbarba",  remitindo ao nome persoal "Fernán Barba". Tanto o nome "Fernán" como o apelido "Barba" están documentados no medioevo alén deste topónimo.

No século XVIII atopámolo atestado como "Riobarba" no Catastro de Ensenada de 1753. Nos finais do séc XVIII aparece como "Rio Barba" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

RUÑO (O Vicedo)
Este lugar está documentado no ano 1099:
 ... "casaes que e en Runio"... (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira").

O dicionario Estraviz dá dúas acepcións en galego para "ruño":  "Agrupação pequena de casas". "Bosque muito tupido". Calquera das dúas acepcións, que non se conservan na fala da zona actualmente, encaixaría cun topónimo. Porén, o topónimo "Ruñeiro" no Grove volve máis improbable calquera desas dúas acepcións.
Alternativamente, podería provir dun hidrónimo de orixe prerromana *Runyo, cun significado próximo ao de "regato", "corrente de auga".
A relación do tema hidronímico *ur- coa raíz indoeuropea *re- 'moverse, fluír' foi amplamente estudada por E. Bascuas (cf. $42.4 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), e estaría relacionado con nomes tais como o gótico runs 'corrente de auga'.
Entre os topónimos relacionados figuran unha terras chamadas "Ruño" en Candamil (Xermade), os "Montes da Ruña" (A Coruña), así como "Ruñeiro" no Grove. Este último, ao conter o sufixo -eiro de orixe latina, parece indicarnos que o uso do apelativo "ruño" se mantivo no romance.

SACIDO (O Vicedo)
Este lugar está documentado no ano 1099 como 
"villa que chaman Sazido" (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira").
O topónimo deriva do latín tardío salicetu, referindo a un lugar onde abundan os salgueiros.  Remítenos, xa que logo, á vexetación existente cando se fundou este lugar. É un topónimo relativamente frecuente, así, por exemplo, hai outro Sacido en Covas (Viveiro), ou Salcedo en Covelas (Ribadeo).
Este núcleo de poboación do Vicedo aparece documentado no século XVII, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986 (aínda que na transcrición dada por C. Burgo figure erroneamente como "Savido", cremos que se trata simplemente dun erro de lectura ou do copista).

SALGUEIROS (As Negradas)
No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar a "Fran.co Lopez desalgueiros" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 102). 

A súa orixe desta poboación, tal como recollemos oralmente e aparemente documentada, é de "lugar dos Alugueiros", que por etimoloxia popular derivaría para "Lugar de Salgueiros".
De confirmarse documentalmente, o topónimo *"(O lugar dos) Alugueiros" referiría a un ou varios casais alugados.

A SANGA (Riobarba)
Este lugar está atestado no 1753 no Catastro de Ensenada para Cabanas, ao indicar os muíños da freguesía:
         ... " al sitio da Zanga"...

O significado do topónimo é incerto. A presenza do artigo parece indicar a orixe nun apelativo, aínda que non figure no dicionario galego. Podería ser o mesmo que o homónimo "sanga" en portugués, "arroio pequeno, ou pántano". No entanto, algúns autores asígnanlle a ese unha orixe no castelán zanja (cf. A. Ferreira, "Novo dicionário da língua portuguesa". 1986), o cal non é o caso do topónimo que estamos a analizar.
Alernativamente, podería provir dun hidrónimo paleoeuropeo, tendo en conta que o mesmo sufixo -anga aparece en topónimos como "Malanga" (que formaría parte da serie Malantes, Malaña, etc), "Aranga" (que formaría parte da serie Arantes, Aranza, etc), "Laranga" (xunto con Laraño, Laraxe, etc). En concreto, podería ter relación coa raíz indoeuropea *sengw- 'fallen, sinken' (cf. IEW 906).

Tamén neste sentido poderíamos hipotetizar unha orixe nun *Alesanika, cun falso corte de *Asanga > A Sanga, o mesmo que ocorreu co topónimo As Anzas (Ribadeo), atestado como Alesancia no ano 969. Porén, existe un "Sangas" en Soba (Cantabria), que parece desbotar esta hipótese.

O PTG rexistra outro A Sanga en Mañón, así como "As Sangas", un terreo en encosta, no concello da Capela.

SAN ROMÁN DO VALE (San Román de Vale)
Historicamente, o nome desta parroquia ten sido "San Romao". Así, en 1435 está documentado 
"... et Sant Romao de Vale et Sant Estevoo de Vale et San Miguel das Negradas ..". 
No final do século XVI segue aparecendo como "S. Romao de Vale" (cf. T. Gomez, 1829. "Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI").
A actual denominación "Román" é, sen dúbida, por influxo do castelán: na Mariña lucense o sufixo latino -anu evoluíu desnasalizándose para "-ao" (pronunciado en ditongo), así os exemplos "chao", "mao", "irmao".

SAN ROQUE
(As Negradas)
O nome deste núcleo de poboación alude á capela con advocación a este santo situada neste lugar.
O nome que tivo previamente foi tamén "Santa Mariña", referido á capela que houbo previamente nos terreos chamados A Ermida (recollemos ademais o testemuño oral de esa capela ter ouvido de estar situada nese lugar). 

Está atestada como "Santa Marina", no "Censo de pecheros" de 1528, onde se cita a "Santa Marina e San Miguel de las Negradas". En 1866 aínda figura como "Santa Marina"(cf. "Itinerario descriptivo militar de España", 1866), pero no 1879 figura como San Roque no censo electoral (cf. GALICIANA).

Específicamente, o lugar onde se sitúa a capela de San Roque foi chamado "lugar do Pazo" ("do Paço"), por ter existido un pazo, do cal foi dono nun tempo Gomes Peres das Mariñas - quen chegou a ser capitán xeneral das illas Filipinas nos tempos de Filipe II. En efecto, Gomes Peres 
residira aquí, así nun documento notarial asinado en Viveiro en 1506 aparece:
        "  que por la presente le dio e libró al señor Gomez Perez das Marinas e Ribadeneyra vezino de San Miguel das Negradas doscientos ducados" (cf. C. Breixo, 2021 in Revista Hume nº 14).

No 1762 aparece atestado este lugar como "sitio desan Roque", e tamén "sitio desanta mariña" para a zona da antiga ermida (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 87 e 181 respectivamente). 

SERANTES (O Vicedo)
Este lugar figura atestado con este nome no 1849, no Dicionario de Madoz, onde se indica que daquela vivían 12 persoas nesta poboación. Figura como SARANTES no censo electoral de 1879, conservando a grafía correcta etimoloxicamente, tal como veremos seguidamente.

Este topónimo, relativamente frecuente en Galiza e Asturias, é interpretado por Boullón Agrelo como con orixe na base celta *sar- 'auga', presente no nome dos ríos Sar e Sarela, ou no topónimo "Sarria"; a terminación compártea con outros topónimos como Arantes, Barbantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes. Indica ademais a posible relación con nomes étnicos prerromanos. Significaría, xa que logo, 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Outros autores, como  G. Hermo, identifícano como un hidrónimo de orixe paleoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo', e daí, *ser-anti 'fluínte, corrente'. Gonzalo Hermo realiza un estudo onde aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- (Sarandeses, Sarandín, Sarandón e Sarandós) e Serant- (Serantellos e Serantes). Cf. aquí.

Este Serantes do Vicedo é moi interesante para a interpretación do topónimo, xa que ao estar lonxe de ríos e regatos, coido que non se referiría a "habitantes da veiga do río", en xenérico, senón máis ben a "poboadores oriúndos da veiga do río Sar", posiblemente o Sar chamado máis frecuentemente "río Esteiro", na viciña parroquia de Mogor (Mañón). Ver "un novo río SAR e as súas implicacions" para máis detalles.

OS SIRGOS (Riobarba)
Aínda que unhas veces se teña escrito como "Os Hirgos", o máis probable é que sexa "Os Sirgos", e que aluda á produción de seda
, á artesanía téxtil da seda.
En efecto, o apelativo "sirgo" é sinónimo de seda, e deriva do latín SERICUM.

 A artesanía téxtil da seda estaba moi difundida na Idade Media. Nas Cantigas de Santa María menciónase:
 ... en Estremadura, en Segovia, u morar hua dona soya, que muito sirgo criar en ssa casa fazia ..

Podería referenciar, xa que logo, a un lugar onde se producía seda, ou incluso ao regato onde se acostumaba mollar a seda antes de fiala (había que mollala antes de fiala).

En Rúa (Cervo) atopamos o "Pico do Xirgo" que, talvez, aluda tamén ao sirgo (a palatalización sirgo>xirgo non sería estraña no galego). O Nomenclator recolle, ademais unha "A Silgada" nas Grañas do Sor, outra en Gomesende, así como As Silgadas en Caldas de Reis, e asimesmo a freguesía de Sirgueiros (O Incio), e asimesmo a freguesía de Sirgueiros (O Incio).

O SISTO (Cabanas, San Román)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 
Os topónimos O  Sisto  e Sisto abundan nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, en tanto que O Nomenclátor de Galicia non rexistra ningún exemplo na toponimia maior de Ourense. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

preposición SU- (varios)
O prefixo "su", do latín sub, é interpretado como "debaixo de". Para sermos precisos, debe entenderse como "ao pé de" (="pola parte de baixo de", "debaixo e pegado a "). Cf. J. Gª Sánchez. "El elemento 'sub' (>so) en toponimia. Reconsideración de su valor. Jairo"

SUASBARRAS (San Román)
Composto de "Su as Barras" 'ao pé das barras', 'pola parte de baixo das barras'. Ver termo "SU-".
Canto a "barras", tería o significado de "bancos de area na entrada do río", ainda que tamén podería ser "parras, emparrados". Cf. aquí.

SUAVILA (San Román)
"Ao pé da vila" ("pola parte de baixo da vila"). Ver termo "SU-".

SUBARGO (As Negradas, Riobarga)
De "su-bargo", lugar situado ao pé do "bargo". Un "bargo" é unha laxe ou lousa chantada, polo xeral de grandes dimensións. Cunha fileira de bargos faise unha división entre dúas fincas.

SUEGOS (Suegos)
O topónimo "Suegos", documentado xa no século XII como Sancta Maria de Sueuos, indicaría unha orixe nun poboamento por xente de etnia sueva. Concretamente, J. M. 
Piel cre que os topónimos Suevos (varios no noroeste da Coruña e norte de Lugo), 
 ".. podería suxerir a idea de que partes do pobo suevo encontraron aí un refuxio despois da destrución do seu reino no 586" (cf. p. 151, J. M. Piel, 1989. "Estudos de linguística histórica galego-portuguesa").

Os pobo xermánico dos Suevos, que chegou ao noroeste da Península a comezos do século V, 
 estableceu o reino suevo da Gallaecia entre os anos 411 e 585, constituíndo o primeiro reino independente surxido logo da caída do imperio romano. Segundo refire o cronista contemporáneo Paulo Orosio, os suevos integráronse na cultura agraria galega e "deixaron a espada polo arado". 

O cambio de pronuncia Suevos > Suegos ocorreu no século XVIII: no 1703 aínda figura atestado como "Suebos" (cf. aquí, descoñecemos se aínda era esa a pronuncia ou se foi cousa do escriba). No 1789 xa aparece como Suegos (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789)
Na xeografía galega existe outra parroquia co mesmo topónimo "Suegos" no concello de Pol, así como tamén outras de nome "Suevos", coa mesma obvia orixe. Cf. detalles explicativos no blog de M. Costa (Cossué).

A TARROEIRA (O Vicedo)
No lugar da Tarroeira, houbo un castro, catalogado desde 2001 e protexido por lei.
Podería ter o mesmo significado de "tarrual", lugar onde abundan os "terróns" ou "tarróns", e provir do latín terronaria. Contodo, é preciso destacar que a maioría dos topónimos "Tarroeira" corresponden con núcleos de poboación. 

Son topónimos posteriores ao século XVI, e non se rexistran na documentación medieval. A súa localización habitual nas ladeiras de montes podería indicar que son núcleos habitados nacidos coa expansión do cultivo do millo, en terras gañadas ao monte. O nome tanto pode facer referencia á constitución do terreo como conter o substantivo común  "tarroeira" como 'casa terrea, choza, casa de pouco valor'.

É preciso ter en conta a coincidencia (ou máis que coincidencia) de varios casos de castros localizados en lugares chamados "Tarroeira", tal como ocorre no Vicedo, en Ortoño (Ames), na Baña, etc. Estas "coincidencias" poderían apuntar a un significado distinto, talvez en relación cunha raíz prerromana *tur- 'altura'.

O TELLADO (Riobarba)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Riobarba (1753), ao establecer os muíños existentes:
                     .. " deuna muela al sitio de Tellado" ... 

O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu.  O topónimo probablemente deriva do obvio significado de "lugar tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza".
No entanto, "Tellado" é interpretado en xeral como "lugar abandonado e repoboado"; xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).

A TELLEIRA (Suegos)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.
Está atestado no Catastro de Ensenada para Suegos (1753), ao establecer os límites da freguesía :
.. "se vaja al Riego de Tilleyra siguiendo este seba dar ala fuente de fozellas" ...

A TORRE (Riobarba -lugar do Chao, Suegos)
O termo "torre" nestes topónimos non se refire estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.
O lugar pertencente a Suegos aparece atestado como "Lugar da Torre" no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coelleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). 

Menéndez de Luarca (2000: 233-234) considera que case todos os 456 topónimos de "torres" poden ser atribuídos ao final da Idade Media (séculos XIV-XV), pois, aínda que algúns sexan de orixe máis antiga, serán reaproveitados con gran frequencia no final da Idade Media.

TRISCORNIA (O Vicedo)

Este topónimo do Vicedo, e igualmente o de Moeche, son "importados" e remiten ao antigo campamento "Triscornia", existente na Habana, cun carácter xocoso-despectivo, aludindo ao carácter de lugar illado, de confinamento do lugar.

En efecto,  existiu na Habana un campamento de corentena chamado "Tiscornia" ou "Triscornia",  creado a comezos do séc XX a instancias do gobernador militar norteamericano Leonardo Wooda. A este campamento, nos comezos do século XX,  levavan os inmigrantes que chegaban á Habana sen cartos, sen contrato de traballo e sen aval dalgún familiar (cf. aquí).

Os nomes "importados" non son estraños na toponimia, así hai un As Alpuxarras nas Negradas (ver "AS ALPUXARRAS"). 

TROIA, A (Riobarba)
Este topónimo, do que se rexistran unhas 15 ocorrencias en Galiza, ten unha interpretación controversa.
É interesante reparar que a maioría das ocorrencias leva artigo, A Troia, o cal nos indica que foi unha voz que formou parte o léxico común.
Foi analizado polo lingüista E. Bascuas, asignándolle unha orixe prelatina, cun significado aproximado de "construción de madeira".

Por outro lado, tal como indicamos, Bascuas derívao dun termo *Trobia de orixe na hidronimia antigoeuropea (e por tanto, pre-céltica), da raíz indoeuropea *ter "fregar, perfurar". É unha raíz común co apelativo galego "trobo" 'tronco oco, colmea', do paleoeuropeo *trobano (cf. E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia": 341).
Bascuas rexeita calquera relación deste topónimo co céltico *Turobriga: a evolución de Turobriga > Troia sería anómala, e pretender que esta evolución anómala teña ocorrido nos 15 topónimos deste nome existentes en Galiza e Portugal sería, máis que anómala, un "milagre fonético". 
Bascuas rexeita tamén as hipóteses de P. Machado para Troia, en particular a da orixe no nome galo Trogus, a través dunha forma adxectiva *(uilla) Trogia, indicando a baixa frecuencia desta forma.
Engadimos nós que o feito de levaren artigo a maioría destes topónimos é outra poderosa razón para descartar estas alternativas que Bascuas tamén rexeitou.

Finalmente, é interesante reparar na existencia no Corgo e en Palas de Rei do topónimo "Os Troios".

UMEIROS (Mosende)
O mesmo que "ameneiros", "amieiros", r
emítenos á vexetación existente cando se fundou este lugar. É curioso atopar este termo nesta zona de Galiza onde a forma común é "ameneiro"; podería indicar unha extensión moito maior do uso desta variante nun pasado (cf. p. 237 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Alternativamente, este termo deriva do tema paleoeuropeo *umeri, da raíz *weg- "húmedo, que flúe", frecuente en hidrónimos (cf. p. 257 de E. Bascuas, ibidem).

VALDESUSO (O Vicedo)
Do latín medieval ualle de sursu 'val de riba' (oposto a "val de baixo").
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Sto. Estevo de Vale (1752), ao detallar os muíños existentes:
 ... "otro molino arinero al sitio de Bal de suso propio de Salvador da Iglesia y consortes"..

VALDOURIDO (Suegos)
Derivado dun composto "Val de Ourido". Moi probablemente se trate dun hidrónimo de orixe prerromana. En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz 
indoeuropea *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 179 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"). 
Non cremos probable que teña relación co latín aureum 'de ouro, dourado', non se coñece ningunha presenza de ouro que permita supor tal orixe.

O VICEDO (O Vicedo)
O nome deste lugar, actualmente nome de toda a parroquia e do concello, xa aparece mencionado deste modo nun documento de 1099.
Varios autores teñen postulado que derivaría de vicietu(m), designando un lugar onde abundaría a planta chamada en latín vicia, 'herba da fame', 'ervellaca', dependendo da planta en concreto. Porén, o feito de se pronunciar con e aberto, /bicèdo/, parece desbotar esta hipótese.
Debe máis ben vir de "avicedo" (do latín medieval *aversatu) : xa Sarmiento rexistraba o adxectivo "avizedo" 'lugar sombrío no que non dá o sol", na zona de Valdeorras. Tamén se rexistra no portugués trasmontano avessedo 'lado da montaña virado para o norte'. Cf. aquí.
A aférese do 'a-' é un feito común, así, por exemplo, O Abelaedo é chamado comunmente O Belaedo.

Análogamente, en León existen "El abecedo": "topónimo muy corriente en el norte de la provincia de León y designa la cara sombría y norteña de nuestros boques" Cf. aquí VV. AA. "Toponimia de la villa de Sabero".  Isto encaixa co lugar do Vicedo orixinario deste topónimo, situado na cara norte da faldra da montaña.

Similarmente, E. Rivas propón a derivación de "(a)vesío" (cf. E. Rivas "Natureza, Toponimia e fala", 2007: 95). No entanto, é preciso tomar esta interpretación con reservas: ambos os exemplos citados, tanto o recollidos por Sarmiento como os do portugués son dialectais; de feito, na zona en cuestión non son usados, senón que se usa o "vesío" (forma con aférese por "avesío").

VILAGUDÍN (San Román)
Este lugar está documentado no ano 1099 :
"vila que chaman vila Gudin"...  (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira").

O nome remita a unha uilla Gutiniuilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) pertencente a Gutinus, nome persoal de orixe xermánica. É de notar que iso non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na  alta Idade Media.

En efecto, J. M. Piel indicou unha serie de topónimos Gudín, Vilagudín e os correspondentes portugueses Vilagudim, Godim, que demostra en base a atestación antiga (cf. p. 387, J. M. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).
O Nomenclátor rexistra igualmente un Gudín en 
Xove.

O VILAR (Riobarba, San Román)

O VILAR VELLO (San Román)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.

Por outra banda, na actualidade os dicionarios refiren "vilar" a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito" (f. aquí.

VILASUSO (O Vicedo)
Do latín uilla sursum 'vila de riba', 'vila no alto' (cf. p. 107 de A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa". 1977)


VILELA (San Román)
Diminutivo de "vila", usando o antigo sufixo diminutivo -ela. 
É de notar a antigüidade deste topónimo, pois xa na Idade Media o diminutivo en -iño/-iña substituíu o antigo en -elo/-ela. Xa que logo, este lugar está poboado desde a Alta Idade Media polo menos.
De feito, este lugar figura documentado no ano 1099 :
..."et departe con Vilela de San Romao"... Cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira".

XARDÍN (Riobarba, As Negradas)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio. Neste sentido, sería probablemente nun sentido metafórico, pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para seren un xardín estando lonxe de lugares habitados.


No entanto, algún "Xardín" poida vir de *(uilla/agru) Sardini, a forma en xenitivo de Sardinus, indicando un antigo posesor, con nome de orixe xermánica. O antropónimo Sardinus está rexistrado en Galiza (cf. CODOLGA).


XILLOI (O Vicedo)
Este lugar xa está documentado no ano 1099  como "Geloy" (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la Isla de la Colleira").
Este topónimo debeu ter orixe nunha (uilla) Uilioi, que faría referencia ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola). A forma Uilioi deriva do xermánico*weljōn 'poder', e leva o frecuente sufixo -oi característico tamén da antroponimia xermánica galega. Esta hipótese, aínda que poida resultar estraña a evolución, está en coherencia con varias series de topónimos que tiveron unha evolución análoga (cf. X. L. González, 2021."O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Se for esta a orixe, tería como topónimos "cognados" a Guilloi (Vedra), e talvez tamén a Agrilloi.
Hai outras orixes alternativas, como en (uilla) Silioni, forma en xenitivo de Silio ou *Silione,  antropónimo rexistrado por Kajanto. Igualmente podemos pensar noutros nome de posesor, como as dos cognomes latinos Gillo e Gelius (García Arias indica a atestación medieval dunha uilla Giliones, cf. p. 303 de X. L. García, "Pueblos asturianos. El porqué de sus nombres"). En calquera dos casos, como indicamos, o nome remite a unha uilla altomedieval (granxa ou explotación agrícola).

O XURBAL (As Negradas)
O XURBAL (Mosende)
Ambos Xurbal están próximos, xa atestados no século XVIII, así O Xurbal das Negradas figura no Catastro de Ensenada para As Negradas (1752), ao referir os límites da freguesía :
 .. "marco que se alla por zima del Lugar de Jurbal de Arriva"...
Igualmente no Catastro de Ensenada para Mosende (1753) :
 .. "el que sigue a otro Marco llamado do Surbal" ... 

No 1762 aparece atestado este lugar ao mencionar "molino arinero deuna rueda alsitio deJurbal" (cf. PARES, 1762. "Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Miguel de las Negradas ...": 131).  


O topónimo Xurbal alude a un "surbal", derivado de sorba, co típico sufixo abundancial, remitindo a un lugar onde abundaban as sorbeiras, que dan nome a varias árbores do xénero Sorbus (entre outros).  Trátase, xa que logo, dun fittopónimo que remite á vexetación existente cando se fundou este lugar.

O Nomenclator dá conta doutro Xurbal en Lanzós (Vilalba). O PTG rexistra A Valiña da Surbia (Argomoso, Mondoñedo, Lu), O Surbiais (Vilaboa, A Pontenova) e Os Prados da Surbia (Xubial, Melide, A Co). En Cangas tamén houbo un Coto de Surba, co nome sen palatalizar segundo figura no Catastro de Ensenada (1752) de Foz. Así mesmo, rexístranse os topónimos Sorbeira e Surbeira no Bierzo e nos Ancares. En Castela rexístrase El Jerbo, El Jerbal e El Surbial.

A evolución debeu ser Surb(i)alem > Surbal > Xurbal, con palatalización do s-, fenómeno frecuente no galego (sordo > xordo, sastre>xastre). Tamén se rexistra "Jorveira" como apelido  en Portugal e no Brasil. En Zamora e León aparece tamén El Jurbial.

A dúbida que nos queda é sobre qué planta concreta remitiría este topónimo concreto, se á Ribes uva crispa ou ben a unha das especies do xénero Sorbus (Sorbus ocuparia,  Sorbus domestica, ou talvez Sorbus torminalis, Sorbus aria). Os celtas e os antigos gregos e romanos, xa cultivaban activamente a sorbus domestica, árbore froiteira semidomesticada, que medra en numerosos bordes de campos de cultivo (cf. J. A. Oria et al., 2006.  "Botánica forestal del género Sorbus en España").

É improbábel que fose Sorbus torminalis ou Sorbus aria  porque só están presentes nas serras orientais de Galiza.Tampouco é probábel que aludise nesta zona á Sorbus ocuparia (capudre), xa que non é esta zona o seu habitat natural, nin tampouco que fose cultivado, pois o froito non tivo uso alimentario importante. Alén diso, descoñecemos na zona o uso do termo "sorba" para o capudre. Debeu tratarse da Ribes uva crispa, que ata hai pouco era frecuente a súa plantación como froiteira en toda a zona.

Nota: agradecemento a Antonio Pernas, experto en bioloxía, polo seu asesoramento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario